Sunday 28 de April de 2024

Feijóo refírese ao Pergamiño Vindel como unha proba de que Galicia é o pobo da palabra, “mediante a palabra loitamos, resistimos, rexurdimos e ocupamos un lugar senlleiro entre as culturas do mundo”


Subliña que a preservación do noso idioma leva consigo a preservación da memoria de todos aqueles que pronunciaron, escribiron ou cantaron as súas palabras

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao Pergamiño Vindel como unha proba de que Galicia é o pobo da palabra. “Hai pobos que se cimentaron con grandes batallas, grandiosas conquistas ou severas derrotas. O noso repousa sobre un alicerce de palabras. Galicia é o pobo da palabra”, dixo, ao que engadiu que “mediante a palabra loitamos, resistimos, rexurdimos e ocupamos un lugar senlleiro entre as culturas do mundo”.

Durante o acto de presentación do Pergamiño Vindel e a inauguración da exposición Tesouros ocultos, os manuscritos iluminados máis valiosos de Europa, Feijóo subliñou que a preservación do noso idioma leva consigo a preservación da memoria de todos aqueles que pronunciaron, escribiron ou cantaron as súas palabras.

Así mesmo, o titular do Goberno autonómico afirmou que o galego sempre foi un idioma idóneo para expresar os sentimentos máis fondos; “esa facultade fixo del unha ferramenta indestrutible, malia as noites de pedra que quixeron asolalo, e unha áncora que uniu o pobo á terra cunha intimidade que poucos pobos teñen”, abundou. E, nesta liña, lembrou que nas visicitudes do Pergamiño Vindel pódese ver unha similitude coa lingua que esmorece, que se oculta, que se garda misteriosamente, para logo rexurdir con forza.

Logo de resaltar que estre os manuscritos iluminados máis valiosos de Europa, está o pergamiño que o traballo de Manuel Moleiro e a erudición da profesora Mariña Arbor Aldea, “fai noso”; Feijóo expresou o seu convencemento de que o impulso que move o traballo de Manuel Moleiro é a íntima convicción de que eses códices e atlas da Idade Media e do Renacemento teñen moito que dicirnos aos homes e mulleres do século XXI.

“Foron no seu tempo un oasis de sosego en medio de conflitos que sempre parecían anunciar a apocalipse. E a sensación que un ten ao ler as Cantigas de Amigo do pergamiño, ou ao escoitar a notación musical, é de calma. Unha calma que vai unida a unha relación intensa coa natureza, representada neste caso polo mar de Vigo”, asegurou, precisando que é aí onde se atopa “ese certo panteísmo que vai impregnar boa parte da nosa creación literaria, e mesmo a nosa maneira de ser”.

“As , pasarán a converterse séculos máis tarde nos ”, recordou, facendo fincapé en que “resucitar eses tesouros ocultos axuda a comprender que a nosa época ten unha parte de excepcional e outra tamén que forma parte da continuidade histórica”.